sábado, 2 de diciembre de 2017

SENTIDO, SENSO e SISO

Aínda que as tres palabras comparten algúns significados, conviría empregalas asignándolles unhas significacións máis estritas ou dominantes para que todas poidan seguir tendo uso na nosa lingua, sobre todo “senso”; pois conforme os resultados da diglosia en Galiza: “toda palabra galega que non coincide ou se parece á súa correspondente castelá tende a desaparecer”, aínda que a isto algúns lingüístas o denominan: “evolución converxente” entre a lingua dominada e a dominante nunha relación de “bilingüísmo harmónico”, e outros menos hipócritas: “substitución lingüística”, que é o que o galego leva sofrindo dende hai máis de cinco séculos.

            Tanto “senso” coma “siso” proceden do latín “sensus”, a primeira como forma culta e a segunda como evoluída, cos significados de “sentido”, mentres que este deriva do verbo “sentir”. Os derivados das tres palabras indícannos os seus significados máis importantes. Así: “sensato” e “sensatez” de “senso”; “asisado” e “sisudo” de “siso”; e “sentimento” e “sentimental” de “sentir > sentido”.

            A palabra latina deu en castelán o termo patrimonial: “seso”, cos significados actuais de “cerebro”, usado en plural “miolos” e “xuízo, bo entendemento”, mais antano tamén se usou cos de: “facultade sensitiva da alma”, “significado dunha palabra” e “ditame, opinión”. Tamén deixou descendentes en portugués: “senso” e “siso”, en francés: “sens”, en inglés: “sense”, e en italiano: “senso”.

            Tanto “senso” (Ex.: Pero abendo todo meu senso e todo meu entendemento; que vos damos eno dito senso toda aquella herdedad) coma “sentido” (Ex.: Todo adormyçido sen todo sentido; o sentido que avia en saber Amor) son palabras usadas dende a Idade Media, mais non teñen a frecuencia de rexistros ca a patrimonial “siso” (Ex.: El non era de mal siso; con todo meu siso enteyro; começou cõ pouco siso a despreçar os omes onrrados).

            Xa que logo, usemos primordialmente “siso” para indicar “bo entendemento, xuízo” (Ex.: É bo rapaz pero ten pouco siso); “senso” para “facultade de razoar, entendemento” (Ex.: Parece que perdeu o senso polo que fai) e para “maneira de entender algo” (Ex.: Convén saber en que senso o di; usou “agudo” no senso de “espelido”); e “sentido” para “facultade de sentir fisicamente algo” (Ex.: Esta perdeu o sentido do gusto), “aptitude para facer ou entender ben algo” (Ex.: Vaia sentido do humor que tes), “estado de plena consciencia” (Ex.: Co golpe varréuselle o sentido), “unha das dúas formas de percorrer unha dirección” (Ex.: O moi bruto viña en sentido contrario) e “razón de ser” (Ex.: Non ten sentido que me pidas contas por iso) para que as tres palabras por veces sinónimas poidan seguir vivas en galego.

No hay comentarios:

Publicar un comentario