martes, 11 de octubre de 2016

FiNDAR e FINAR

“O asunto finda co finado”, ou con outras palabras: “O asunto acaba co defunto”. Aínda que as dúas frases din exactamente o mesmo, o uso na primeira de dous verbos, o primeiro inexistente en castelán e o segundo pouco usual, pode facer que moitos galegos non entendan cabalmente o seu significado.

O primeiro verbo: “findar”, é recollido por varios dicionarios galegos do século XX, e polo Gran Dicionario Xerais da Lingua no noso, mais non polo dicionario RAG –nun novo caso seu de misterios lexicográficos–, que si recolle “finda” como estrofa final que remataba unha cantiga de amigo. O portugués tamén recolle este verbo nunha primeira acepción como: “acabar, pór fin a (algo)”, pero nunha segunda como: “morrer”. E así mesmo recolle o seu participio: “finda/o”, como sinónimo de “acabada/o, terminada/o”, pero tamén de “morta/o”; e o substantivo: “finda”, coa a acepción do dRAG pero tamén como sinónimo de: “remate, fin”.

Pola contra o segundo tivo máis sorte dado que tamén é admitido, aínda que pouco usado na lingua oral, polo castelán, tal como recolle o dicionario RAE na súa primeira acepción e co valor de: “devecer por”, na súa segunda e usado como pronominal. Loxicamente aparece recollido por todos os dicionarios galegos e portugueses como sinónimo de: “morrer, falecer”, aínda que en portugués a súa primeira acepción é a de: “acabar, findar”, e como brasileirismo a de: “desmaiar, perder os sentidos”, sendo a de: “morrer”, usada como pronominal.

En galego parece claro que “findar” soamente se debe utilizar como sinónimo de: “finalizar”, co participio “finda/o”, e “finar” só de: “fenecer, falecer”, co seu participio “finada/o”, tal como recolle o GDXL, sempre máis completo ca o imperfeito dRAG.

Curiosamente: “fenecer” e “fenecimento”, primeiro significan “acabar, findar / termo, fin”, e despois: “morrer” en portugués; mentres que en castelán muda a orde de preferencia no verbo e unicamente admite o significado de: “morte”, para o substantivo: “fenecimiento”. O galego da RAG só recolle o significado de: “morrer”, e logo o de: “murchar”, omitindo a existencia dalgún substantivo derivado do verbo pero si a do adxectivo: “fenecente”, como sinónimo de: “que se extingue ou murcha”.


Sería positivo para nosa fala vigorizar o uso do verbo: “findar”, como sinónimo de pleno dereito de: “acabar, concluír, finalizar, rematar ou terminar”. E tamén do seu participio: “finda/o”. E así dou por findo este texto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario