CETÁCEOS E FÓCIDOS
Das
denominacións populares de animais os habitantes do mar, e entre eles os
cetáceos, ocupan unha parte importante, mercé á antiga tradición mariñeira do
noso pobo, por isto parece pouco razoábel que se recorra a denominacións
castelás, moitas veces de orixe foránea no mesmo castelán, para denominar estes
animais no estándar galego.
No
presente texto veremos algúns exemplos disto coa denominación que se dá ou se
presenta como principal no dicionario da RAG (abreviado como “dRAG” no texto) a
non poucos xéneros da familia dos cetáceos, animais desde moito tempo coñecidos
e capturados polos nosos mariñeiros.
Así as especies das familias Balaenidae e Balaenopteridae reciben a correcta denominación xeral de balea, recuperación da palabra propia substituída na
fala polo castelanismo “ballena” (Mª del Carmen Ríos Panisse: Nomenclatura de
la Flora y Fauna Marítimas de Galicia, vol. II. Verba, 1983. Univ. Santiago),
mais os balaenoptéridos reciben o
nome específico de rorcual, absurdo
galicismo (rorqual < noruegués:
röyrkval “balea con sucos”) chegado a través do castelán que non ten ningún
apoio na fala, nin sequera no mesmo castelán. O termo galego vén do latín balaena, co que se designaba a calquera
gran cetáceo, e maiormente os balaenoptéridos
por seren os habituais do mar Mediterráneo. Por tanto usemos o termo xenérico
de “balea” para todos os grandes cetáceos fóra de dous moi salientábeis: o xibardo (Megaptera novaeangliae) denominado así pola
súa “xiba” na parte anterior da aleta dorsal, coincidindo con outros nomes
populares noutras linguas: baleia-corcunda, ballena jorobada, balena amb gep, baleine
à bosse, humpback whale, etc.; a denominación estándar é a forma máis usada
entre un gran número de variantes: chibardo,
chibarro/xibarro, chibarte/xibarte, xibarta/xibarto, xibarzo, xubardo, etc.
E o cachalote (Physeter macrocephalus) que
recibe o seu nome do aumentativo despectivo da palabra popular “cachola” con
disimilación vocálica, malia o que digan certos etimoloxistas sobre unha posíbel
orixe no francés antigo (cachau = dente grande) ou calquera outra hipótese que
evite a nidia orixe galego-portuguesa. Existe unha variante moito menos usada: cachelote.
A única especie da familia Phocoenidae que se dá na nosas costas
recibe o nome xeral de toniña (Phocoena
phocoena), cuxa variante touliña
tamén recolle o dRAG e ademais o castelanismo de orixe francesa marsopa, sinónimo innecesario e sen
ningunha tradición na fala popular. O nome estándar, ademais de coincidir co
portugués (toninha), e a forma máis
usada con diferenza face ás demais variantes: tauliña, toliña, tonliña, toulía,
touliña (a segunda forma máis usada), touriña e tuniña.
As especies dos Delphinidae reciben o nome xenérico de golfiño (< lat. delphinum), coincidindo coa
denominación estándar portuguesa (golfinho),
cunha variante golfín de menor uso, coa
excepción dos nomes específicos que reciben algunhas especies concretas. O dRAG
recolle como forma preferente delfín
e como secundaria “golfiño” nun alarde de estulticia castelanizante con pouca base
na fala, pois é un castelanismo minoritario, e ningunha na literatura
científica galega. A especie Tursiops
truncatus, a habitual nos acuarios, recibe os nomes populares de boto (na costa norte) e bufa
(na costa sur) –segundo Ríos Panisse–, como formas máis usadas (fronte ás
variantes: bota, botiña, botiño, bufana, bufla ou bufo) e recollidas como
estándares polo dRAG, xunto a arroaz, malia que
esta denominación non sexa específica desta especie e si o nome xeral para
todos os delfínidos que carecen de fociño ou o teñen pouco prominente. Seica o
triunfo de arroaz para nomear o Tursiops truncatus no galego escrito déballe
moito ás denominacións portuguesas desta especie: golfinho-roaz ou roaz-corvineiro.
A Orcinus orca, por veces
incorrectamente chamada “balea asasina” por tradución do inglés “killer whale”,
pois non é balea nin asasina, chámase en galego candorca,
que provén de aglutinación das palabras “can de orca”. As dúas especies do
xénero Globicephala reciben o nome
xenérico de caldeirón, castelanismo asumido polo
dRAG que basea a súa denominación na forma de caldeiro da súa cabeza, cunha delas
habitual nas augas galegas: o caldeirón
común (Globicephala melas), e a outra excepcional: o caldeirón
tropical (Globicephala macrorhynchus); en portugués denomínase: baleia-piloto, tomado do inglés pilot whale ou do francés baleine-pilote, aínda que tamén coñece a
forma caldeirão. A Pseudorca crassidens é rara na Galiza e coñécese nalgún lugar como
negrón pola súa cor case uniforme, palabra que
nin sequera recolle o dRAG, aínda que o termo máis usado con diferenza, conforme
o traballo de Ríos Panisse, é arroaz
ou calquera das súas variantes: arroán,
arroarte/arruarte, arroazo, arruá(n) ou arruaz. E o Delphinapterus leucas, coñecido internacionalmente pola súa
denominación rusa: beluga (balea branca) ten
dous nomes galegos dados polos mariñeiros que percorren as augas árticas: blancón > brancón (en correcto
galego) e santo; mais non parece que
vaian substituír a forma internacional.
A familia dos Ziphidae ou Cifíidos
(“Zifíidos” segundo o dRAG), a segunda máis extensa en especies e a máis
descoñecida dos cetáceos , non ten un nome xenérico para denominar popularmente
as súas especies polo que se recorreu á adaptación do nome científico máis
xeral: ziphius > cifio (mellor ca “zifio”,
que contraria as nosas normas ortográficas); en castelán: zifio, en
portugués: zífio, pero sobre todo, baleia-bicuda,
baleia-de-bico ou baleia-nariz-de-garrafa; en catalán: zífid; en francés:
baleines à bec; en italiano: adaptación do nome científico (berardio,
iperodonte, mesoplodonte e zifio); occitano: balena de bèc; en inglés: beaked
whale. Mais como se ve varias linguas usan o incorrecto termo “balea” para
denominaren estas especies debido ao seu tamaño superior ao da maioría dos
delfínidos.
Os pinnípedes inclúen tres
familias: os otáridos (leóns mariños
e osos mariños), habitantes do
hemisferio sur e do océano Pacífico; os odobénidos, cunha soa especie: a morsa (Odobenus rosmarus), cuxa presenza sería
excepcional nas nosas costas, mais que reciben popularmente os nomes
inapropiados de xerea (< serea) e vaca mariña; e os fócidos ou focas, onde cinco especies teñen presenza ocasional en
dúas e excepcional en tres nas costas galegas. Así o lobo
mariño cincento (Halichoerus grypus) é case habitual que apareza no
inverno, mentres que a foca común (Phoca
vitulina) é máis ocasional ca “común”; as outras tres especies de presenza excepcional
son: a Pusa hispida, a Cystophora cristata e a Erignathus barbatus. A
denominación popular de lobo mariño
ou lobo de mar é xeral para calquera
fócido, e non específico de Halichoerus
grypus, e tamén é xeral o de vaca
mariña, usado tamén para a morsa.
As dúas guías galegas publicadas
que recollen unha listaxe estandarizada de mamíferos mariños: unha específica (X.M.
Penas-Patiño e A. Piñeiro Seage - Cetáceos, Focas e Tartarugas Mariñas das
Costas Ibéricas, Consellería de Pesca, 1989) e outra xeral (J.I. Díaz da Silva
e Yosy Cartelle - Guía dos Mamíferos de Galicia, Baía ed., 2007) dan por veces
uns nomes estándares algo incorrectos, sobre todo a primeira. A seguir inclúo
unha listaxe cos nomes propostos en ambas as guías (en primeiro lugar o de Penas-Patiño/Piñeiro
e en segundo o de Díaz da Silva/Cartelle, cando non coinciden), sinalando en
vermello o que coido máis axeitado, ou mesmo propondo outro alternativo por
considerar que o que figura é incorrecto:
CETÁCEOS:
Balaenoptera musculus – rorcual
azul, balea azul. Convén non esquecer que o nome
científico de xénero destas especies significa: “balea de aletas”.
Balaenoptera physalus – rorcual
común, balea común.
Balaenoptera borealis – rorcual
de pintas, balea de pintas.
Balaenoptera acuturostrata –
rorcual alibranco, balea alibranca.
Megaptera novaeangliae – rorcual
xibarte, balea xibardo. A denominación simple de xibardo,
tal como ocorre na fala, abonda para denominar esta balea tan peculiar.
Eubalaena glacialis – balea
vasca, balea franca setentrional. Se en portugués se chama baleia-franca-do-atlántico-norte,
en castelán ballena franca glacial, en catalán balena franca comuna, en francés baleine franche de l’Atlantique Nord e en italiano balena franca nordatlantica, parece
evidente que en galego sexa: balea franca do Atlántico.
Se ben é certo que a balea franca
austral (Eubalaena australis) tamén habita o Atlántico meridional, ademais
do Pacífico meridional, o Índico meridional e o Antártico, Eubalaena glacialis é a única “balea franca” exclusiva deste
océano.
Physeter macrocephalus – cachalote común, cachalote. Habendo tres especies
denominadas “cachalote” parece lóxico identificar á máis habitual como “común”.
Kogia breviceps – cachalote
pequeno. As demais linguas denominan esta especie como “pigmea”, non encontro
razón ningunha para non facer o mesmo en galego porque non é o mesmo “pigmeu”
ca “pequeno”; calquera cachalote común aínda xove pode ser pequeno sen ser
obviamente pigmeu. Por tanto: cachalote pigmeu.
Ziphius cavirostris – zifio de
Cuvier, cifio de Cuvier. Mellor co cultismo
adaptado á ortografía galega. A maioría dos cifíidos levan o nome do cientista
que os describiu por primeira vez.
Hyperoodon ampullatus – zifio
caldeirón, cifio caldeirón. Porque a súa cabeza
lembra á do caldeirón de maneira clara.
Mesoplon mirus – zifio de True, cifio de True.
Mesoplon densirostris – zifio de
Blainville, cifio de Blainville.
Mesoplon bidens – zifio de
Sowerby, cifio de Sowerby.
Mesoplon europaeus – (non recollido),
cifio de Gervais.
Orcinus orca – candorca. Auténtica denominación galega fronte a “orca”, que ás veces se coa como
castelanismo ou lusismo.
Globicephala melaena – caldeirón común. Copiar o termo inglés: “balea piloto”
sería pouco científico, dado que é un delfínido e non unha balea.
Globicephala macrorhynchus – caldeirón tropical.
Pseudorca crassidens – negrón.
Visto que o nome máis xeral é “arroaz”, como en todos os delfínidos sen fociño,
sería máis correcto: arroaz negrón.
Tursiops truncatus – arroaz real.
Como dixen anteriormente os nomes máis usados para esta especie son boto e bufa, descoñezo
por que non usar calquera destes como estándar, ou inclusive os dous como
sucede con outras especies (ex.: raposo e golpe, cervo e veado, porco bravo e
xabaril, teixugo e porco teixo, etc.), no canto de inventar un para unha
especie que non o precisa.
Lagenorhynchus acutus – arroaz pinto.
Lagenorhynchus albirrostris –
arroaz careto, (non recollido). Mellor ca “careto” sería “de bico branco”, máis
acorde co seu aspecto, tal como recollen o resto das linguas:
roaz-de-bico-branco, delfín de morro blanco, dofí de morro blanc, dauphin à bec
blanc ou white-beaked dolphin. Por tanto: arroaz de
bico branco.
Grampus griseus – arroaz boto. Visto
que “boto” é o nome popular do Tursiops
truncatus, esta denominación só pode crear confusión. E como a especie non
ten un nome concreto popular seguir o exemplo do portugués: grampo, do francés: grampus e do italiano: grampo
griggio, non parece má solución: arroaz grampo.
Delphinus delphis – golfiño común. Porque en verdade é o máis común das
nosas costas.
Stenella coeruleoalba – golfiño riscado.
Phocoena phocoena – toniña. Por favor esquezan o inútil castelanismo “marsopa”!
PINNÍPEDES:
Por mor da cabeza dos fócidos o
nome popular de “lobo mariño” e similares se aplica sempre a algunha especie de
foca máis ou menos común: galego - lobo mariño (Phoca vitulina e Halichoerus
grypus), asturiano – llobu marín (Halichoerus grypus), portugués – lobo-marinho
(Monachus monachus), basco – itxas zakur “can de mar” (Phoca vitulina), alemán
– seehund “can de mar” (Phoca vitulina), etc. Por tanto “lobo mariño” é o
sinónimo popular do cultismo “foca” e como tal se debe utilizar.
Phoca vitulina – lobo mariño, foca común.
Halichoerus grypus – foca cincenta, lobo mariño cincento.
Pusa hispida – foca anelada.
Cystophora cristata – foca de
capelo. Un “capelo” é unha peza de vestir que cobre a cabeza, polo que parece
unha denominación pouco afortunada para esta especie. Mellor sería adaptar o
seu nome científico: foca cristada.
Erignathus barbatus – foca barbuda.
Monachus monachus – foca
mediterránea. Tendo en conta que tamén se estende polas costas atlánticas do
Magrebe, que a súa principal colonia está na Rep. Árabe Saharaui e que existe
unha pequena colonia nas Illas de Madeira (onde recibe o nome de lobo marinho), non parece moi acertado o
de “mediterránea”. Fóra do portugués e do catalán, onde se denomina como vedell marí (becerro mariño), as demais
linguas traducen o seu nome científico: foca
fraile/foca monje, phoque moine, foca monaca, monk seal, mönchsrobbe; así que non vexo motivo para non facer o
mesmo en galego: foca monxe (lat. monachus >
occ. monge > gal. monxe).
No hay comentarios:
Publicar un comentario