miércoles, 4 de febrero de 2015

A recuperación de arcaísmos

O dicionario RAG define o arcaísmo lingüístico como “o elemento lingüístico que resulta arcaico con respecto a un momento determinado dunha lingua”, xa que logo, toda construción gramatical, léxica ou mesmo fonética galegas que xa non se usen no momento actual, aínda que sexan absolutamente galegas, constitúen arcaísmos do noso idioma.
                Por tanto, de sermos sinceros, podemos afirmar que unha parte substancial do noso léxico estándar está constituído por arcaísmos que deixaron de selo, así pasou con palabras tan correntes como: “igrexa”, “pobo”, “Deus”e “adeus”, “avó/avoa”, “liberdade”, “anxo”, “cruzamento”, “illa”, “ar”, etc., que foron substituídas polos castelanismos correspondentes no vocabulario común dos galegofalantes. Mais todos estes arcaísmos compartían un dato importantísimo, fóra da súa desaparición da fala: eran as auténticas palabras galegas que designaban esas cousas, seres ou conceptos; e por riba estaban perfeitamente vivas no portugués.
                Mais a miña proposta non vai na dirección, esixíbel por calquera amador dunha lingua o máis enxebre posíbel, da recuperación do léxico patrimonial substituído polos castelanismos; senón na reivindicación de recuperar e incorporar á nosa lingua literaria ese caudal de léxico arcaico que existe na nosa literatura medieval, tal como fan outros idiomas, así o castelán (fierro, maguer, yantar, asaz, conseja, empero, prieto (=escuro), ginesta, etc.) ou o portugués (quiçá, ceroula, outrossim, à guisa de, magote (morea), etc.). Con todo, non se debe esquecer que xa houbo unha serie de arcaísmos que se usaron literariamente, con maior ou menor fortuna, e dos que apenas uns ficaron no noso estándar: ren, drudo, etc; mais a maioría non conseguiron permanecer no galego actual: capiduo/capídoo, tiduo/tídoo, caloña (calumnia), seenzo (silencio), outo, maor, ouciao (océano), homaxe, estoria (conservado no portugués co valor de “historia ficticia, conto”), caor (calor), xinea (liñaxe), etc.; se ben algúns están nun limbo de uso posíbel pero non sancionado pola RAG como: vegada, conquerer, moimento (como “monumento funerario”), mor, miragre, allur (noutra parte), meo, etc.; todos recollidos polo Gran Dicionario Xerais da Lingua, pero só “mor”, como variante de “maior”, polo Dicionario RAG.
                Curiosamente o escritor, e académico da RAG, D. X. Cabana usa algúns arcaísmos nas súas traducións ao galego de obras clásicas medievais, así na tradución do Cancioneiro de Petrarca bota man de termos como: cór (corazón), frume (río) ou outrén (outra persoa; palabra aceptada polo portugués: outrem). Ex.:
Que adoza todo cór e o meu abruma.
Se eu me estremezo e sinto o cór xeado.
En cór de dona pouco tempo dura.
Moverse os montes e deterse os frumes.
Frume que enche o meu pranto a todas horas.
Eis que uns viven de olor no grande frume.
Dóeme un a min, e a outrén.
Tanto leva consigo e pon noutrén.
E así noxos pra outrén, pra si tormentos.
Mais ningunha destas tres palabras recolle o dicionario da RAG e si recolle pero rexeita a última o dicionario Xerais.
                A lingua literaria ten as súas propias regras dentro de calquera idioma e o galego non debe ser unha excepción. Por tanto, benvidos sexan todos os arcaísmos que enriquezan a nosa lingua culta e que sexan recollidos como tales polos nosos dicionarios.

P.S.:
                Antes de pór este texto no blogue, recibo a nova tradución d’A divina comedia de D. X. Cabana. Nela engade un vocabulario final con todas as palabras incluídas no texto que se desvían do estándar: dialectalismos, cultismos e arcaísmos.  Entre estes últimos recolle vocábulos, ademais dos xa mencionados (cór, frume e outrén) como: abiso (abismo), acitara (tapiz), allur/allures, ancela (serva), animalla, baixel, carregar, caudel (xefe militar), compaso, decer (descender), desmo, encalzo (seguimento), escontra, esprito, fardar (vestir), ler (mar), louvanza/louvor, macela (pesar, dor), marteiro (martirio), meán/meo/meogo, moimento, nau, pena (pluma), perto, rota (ruta), sembrante, en torno (ao redor), sina (bandeira), vegada ou viso (aspecto, vista).

                Nótese que o tradutor, aínda que é membro da RAG, se mostra moi crítico coas carencias e criterios do dicionario da RAG. Daquela quen está a decidir o corpus léxico normativo do galego?

No hay comentarios:

Publicar un comentario