sábado, 2 de diciembre de 2017

SENTIDO, SENSO e SISO

Aínda que as tres palabras comparten algúns significados, conviría empregalas asignándolles unhas significacións máis estritas ou dominantes para que todas poidan seguir tendo uso na nosa lingua, sobre todo “senso”; pois conforme os resultados da diglosia en Galiza: “toda palabra galega que non coincide ou se parece á súa correspondente castelá tende a desaparecer”, aínda que a isto algúns lingüístas o denominan: “evolución converxente” entre a lingua dominada e a dominante nunha relación de “bilingüísmo harmónico”, e outros menos hipócritas: “substitución lingüística”, que é o que o galego leva sofrindo dende hai máis de cinco séculos.

            Tanto “senso” coma “siso” proceden do latín “sensus”, a primeira como forma culta e a segunda como evoluída, cos significados de “sentido”, mentres que este deriva do verbo “sentir”. Os derivados das tres palabras indícannos os seus significados máis importantes. Así: “sensato” e “sensatez” de “senso”; “asisado” e “sisudo” de “siso”; e “sentimento” e “sentimental” de “sentir > sentido”.

            A palabra latina deu en castelán o termo patrimonial: “seso”, cos significados actuais de “cerebro”, usado en plural “miolos” e “xuízo, bo entendemento”, mais antano tamén se usou cos de: “facultade sensitiva da alma”, “significado dunha palabra” e “ditame, opinión”. Tamén deixou descendentes en portugués: “senso” e “siso”, en francés: “sens”, en inglés: “sense”, e en italiano: “senso”.

            Tanto “senso” (Ex.: Pero abendo todo meu senso e todo meu entendemento; que vos damos eno dito senso toda aquella herdedad) coma “sentido” (Ex.: Todo adormyçido sen todo sentido; o sentido que avia en saber Amor) son palabras usadas dende a Idade Media, mais non teñen a frecuencia de rexistros ca a patrimonial “siso” (Ex.: El non era de mal siso; con todo meu siso enteyro; começou cõ pouco siso a despreçar os omes onrrados).

            Xa que logo, usemos primordialmente “siso” para indicar “bo entendemento, xuízo” (Ex.: É bo rapaz pero ten pouco siso); “senso” para “facultade de razoar, entendemento” (Ex.: Parece que perdeu o senso polo que fai) e para “maneira de entender algo” (Ex.: Convén saber en que senso o di; usou “agudo” no senso de “espelido”); e “sentido” para “facultade de sentir fisicamente algo” (Ex.: Esta perdeu o sentido do gusto), “aptitude para facer ou entender ben algo” (Ex.: Vaia sentido do humor que tes), “estado de plena consciencia” (Ex.: Co golpe varréuselle o sentido), “unha das dúas formas de percorrer unha dirección” (Ex.: O moi bruto viña en sentido contrario) e “razón de ser” (Ex.: Non ten sentido que me pidas contas por iso) para que as tres palabras por veces sinónimas poidan seguir vivas en galego.

miércoles, 1 de noviembre de 2017

ATA ou ATÉ

A preposición “ata/até” provén do árabe “hattá”, tanto na nosa lingua coma nas demais linguas hispanorromances occidentais, as orientais usan outras formas, mais ningunha procede da máis usual en latín: usque/usque ad. Así:

O castelán actual ten a forma “hasta”. Ex.: Me voy hasta Burgos. Mais a súa forma medieval era “fasta/fata”. Ex.: Vinieron fasta cien mill omnes; alli estouo la duenna fasta nueve años; del Oceano fasta la otra mar; desde que salio dAffrica fasta que y torno; del menor fasta el mayor.

O asturiano e o leonés usan tamén “hasta”, pois hoxe a forma “fasta” é puramete literaria; mais ambas as formas son admitidas pola Academia de la Llingua Asturiana. Ex.: Voi hasta Xixón. Pola contra, o mirandés adoptou a forma portuguesa “até”, coa variante: “anté”. Ex.: Bou até/anté Sendin. O asturiano tamén ten a forma “deica/dica”, procedente de “d’equí a”.

O portugués usa a forma “até”. Mais úsaa seguida da prep. “a” cando precede o artigo determinado co que contrae, sobre todo en Portugal, no resto dos casos non leva esta preposición. Ex.:, Vou até ao Porto; os românticos amavam até á morte; foi até ás duas igrejas; mais: Viajou até Paris; não chegará até Janeiro; esperei até tu vires.

Mentres que en galego se admite a forma estándar portuguesa “até” xunto coa preferida “ata”. Ex.: Vou ata/até Lugo. Tamén se usa a forma “deica”, coma en asturiano ou aragonés, mais cun senso máis restrinxido ca “ata”. Ex: Vou deica Lugo = Vou de aquí a Lugo.

Porén no aragonés a forma estándar é “dica”, procedente da expresión: “de aquí a”, coma as usadas en galego e asturiano. Ex.: Me’n boi dica Chaca (Vou ata Xaca); Ixe cambión circula dica Uesca; dica lo domingo. O termo estándar foi substituído na fala de moitos sitios polo castelanismo “hasta”, e ademais existen as variantes locais “basta” e “anda”. Nos textos medievais usábanse as formas: tro (a), entro (a) e fins (a); que enlazan o aragonés co catalán e o occitano.

O catalán utiliza “fins/fins a”, procedente do latín “fine” coa adición dun –S adverbial. Ex.: Me’n vaig fins a Girona (Vou ata Xirona). O catalán antigo tamén usou as formas “entro” e ”tro”, procedentes do latín “intro”, aínda vixentes no occitano.

E no aranés están “entò”, cun uso basicamente literario, quizais procedente do latín “intro”; e a máis frecuente: “enquia/denquia”, co senso de “de aquí a” e procedente do latín: de hinc ad. Ex.: Me’n vau enquia/denquia Vielha (Vou ata Viella). No occitano referencial usánse as formas: fins (a), d’aquí (a), entrò (a) e dusca (a).

            Historicamente a preposición agora estandarizada é a única patrimonial galega, con varias variantes, cando menos na súa escrita (ata, atá, ataa, atra, ate, até, atee), mais nos “Séculos Escuros” foi substituída pola do propia do castelán moderno “hasta”, por veces con adaptación de R epéntico: “hastra” (tamén: estra/hestra), que ten o seu antecedente na forma patrimonial medieval “atra”. Durante o período decimonónico, mercé ao ocorrido nos séculos anteriores, unicamente se usan as formas “hasta” e “hastra/astra”. Así a primeira gramática galega, a de Saco y Arce en 1868, só recolle a forma castelá con R epéntico: hastra. Mais en 1931 a gramática de M. Lugrís Freire xa recolle a forma “ata”, xunto con “hasta” e “deica”, e en 1979, na súa sétima edición, a gramática de Carballo Calero dá preferencia ao lusismo “até” e recolle como formas en uso: ata, atá, atra, fasta, fastra e astra. Hoxe o castelanismo (h)asta é practicamente a única forma da fala popular, como se pode ver no Atlas Lingüístico Galego (Vol.II: Morfoloxía non Verbal), onde a finais do século pasado dominaba claramente en todo o territorio, fóra dalgúns puntos, maiormente na provincia da Coruña onde aparece a forma con R epéntico: (h)astra; e tres puntos coas variantes do castelanismo: esta, estra e a arcaica ata, esta última no Berzo, xa preto da raia co leonés. Esta preposición castelá, aínda que rexeitada pola normativa estándar galega, é asumida plenamente, non obstante, pola normativa do “gallego-asturiano” da Academia de la Llingua Asturiana.

            Entre as formas usadas durante a Idade Media destaca claramente unha sobre as demais: ata. Consultando o TMILG (Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega) comprobamos o númerode rexistros das diferentes formas e variantes escritas. Se as ordenamos dende a que ten o menor número de rexistros ata a que ten o maior quedan desta maneira:

Forma ATA: aata (1), atá (24), ataa (96) e ata (1981). Non soamente é a que máis veces se rexistra, senón que tamén é a única que o fai dende o s.XII (atá) ata o s.XVI (ata). Ademais, “ata” tamén supera en rexistros as demais formas durante os s.XIII (588), XIV (945) e XV (446), sendo só menos usada no castelanizado s.XVI fronte ao castealismo “fasta”. Fronte á variante “atá”, que é moi minoritaria; Ex.: Que a sençades ben atá o cuu; e a variante “ataa”, que se atopa fundamentalmente no “Tratado de Albeitaría”, Ex.: Gardem a chaga dagoa ataa que seia soldada; “ata” aparece en moitos e moi diferentes textos, Ex.: Non pode entrar na egreja ata que sse confessou.

Forma ATRA: atroen (1), atro (3), troes (3), tro (5), atroes (10) e atra (22). Todas as variantes son do s.XIII, fóra de dous rexistros de “atra” no s.XIV; polo que esta forma con R epéntico xa desapareceu probabelmente no s.XIV. Ex.: Seia maldito atra sitima geeraçon; faran in esse mosteyro d Orseyra atroes a fim.

Forma ATÉ: atee (1), ates (1), tee (2), até (5), atees (7) e ate (12). Esta forma estándar portuguesa, hoxe admitida como estándar galega xunto con “ata”, é con diferenza a menos rexistrada, principalmente nos s.XIII e XIV, nos textos antigos. Curiosamente as variantes “ate” e “atees” rexístranse máis veces que a forma estándar portuguesa. Ex.: Todo segundo que llas foron gardadas atees aquí; e a estrela os guyou ate ena terra dos judeus.

Forma FASTA/HASTA: fata (1), hasta (8), asta (31) e fasta (571). O castelanismo medieval “fasta” xa se rexistra dende o s.XIII, pero maioritariamente nuns textos moi concretos: os Foros de Castelo Rodrigo (s.XIII), Ex.: E ho termino fasta tercer dia; e a Historia Troiana (s.XIV), Ex.: Des que Rroma foy feyta fasta que Ihesu Christo nasçeu. Pertencendo a maioría dos seus rexistros ao s.XV (362) e ao s.XVI (16). Mentres que a forma moderna “(ha)sta” se rexistran maioritariamente no s.XV (26 sen H e 8 con H) en textos moi castelanizados. Ex.: Comenzan encima da vila asta o outeiro; asi de una como en otra asta a postrimera; outras mandas que fece hasta este presente dia. As formas con R epéntico non se rexistran nos textos antigos.

            Semella evidente segundo os datos que a preferencia do estándar académico pola forma “ata” está plenamente xustificada pola súa difusión no galego medieval, mentres que a inclusión da forma “até” soamente se xustifica por ser a propia do portugués, como concesión ao movemento reintegracionista.

            Convén non esquecer que a preposición “deica”, xurdida da frase: “de eiquí a”, como se ve na súa orixe indica un punto de partida implícito (aquí e agora –por ampliación semántica–), xa que logo, non pode ser usada como sinónima de “ata/até” e si en todas as ocasións en que esa idea de “dende aquí” ou “dende agora” estea presente. Ex.: Deica logo!; deica a Compostela hai uns 50 quilómetros; sabes que deica o vindeiro luns é unha semana; é a miña decisión deica sempre etc.

sábado, 23 de septiembre de 2017

De illas e insuas

Segundo o dicionario da RAG, unha illa é “unha porción de terra rodeada de auga por todas as partes”, mentres que unha insua é “unha pequena illa nun río”, xa que logo, no galego estándar hai diferenza semántica entre ambas as palabras, xa que unha insua é sempre unha illa pero non o contrario. Mais en realidade non sempre foi así.

            Se procuramos a palabra principal: illa, e as súas variantes posíbeis, no TMILG (Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega), non atoparemos ningún rexistro, é dicir, o galego medieval descoñecía esta palabra; lóxico, xa que se trata dun lusismo contemporáneo, posibelmente entrado no galego literario do s.XX, para substituír o castelanismo “isla” no galego popular, que desprazou na lingua falada case totalmente o termo patrimonial descendente do latín “insula”: > insua/insoa.

            Mais se procuramos a segunda: insua, coas súas variantes posíbeis, comprobamos que este era o único termo para designar “unha porción de terra rodeada de auga por todas as partes”, aparecendo tanto na lírica coma na prosa notarial, literaria ou relixiosa, así: ynsoa/ýnsoa/ynsõa rexístrase 34 veces entre o s.XIV e o s.XV, sobre todo como apelido e topónimo, mais tamén aparece como substantivo (Ex.: noso moyno da Pereyra con sua ynsoa por hu ven o agoa...; conquereu aquela gente tã brava da ynsoa de Ponço...); insoa/ínsoa rexístrase 17 veces, dende o s.XIII ao s.XV, tamén como apelido e topónimo maioritariamente pero sen descoñecer o seu uso como substantivo (Ex.: Lançaroth quando estava na insoa da Lidiça); inssoa rexístrase 7 veces do s.XIII ao s.XIV e maioritariamente como apelido e topónimo pero tamén como substantivo (Ex.: Cezilla é hua inssoa de mar rica e viçosa); jnsoa rexístrase 4 veces no s.XIV como substantivo (Ex.: trouxo da jnsoa de Bardom dez naves...); insua/ínsua rexístrase 5 veces nos s.XIV e XV como apelido e topónimo; e ynsua 1 vez no s.XIV como apelido. Como se ve a forma “insoa” é claramente maioritaria fronte a “insua”, mais esta é a única que chega ata a nosa época como topónimo, apelido e substantivo.

            Se tamén procuramos a palabra: isla e as súas posíbeis variantes, vemos que xa se rexistra unha vez como “jsla” no s.XIII (Ex.: et meteuse ena jsla do mar) e 34 como “ysla”, unha vez no s.XIII na “Crónica Xeral e Crónica de Castela” e o resto no s.XIV, basicamente na “Xeral Historia” (1300-30) e, sobre todo, na “Historia Troiana” (1350-99) (Ex.: et ajnda foy rrey desta meesma ysla de Creta). Mais parece evidente que se trata dun castelanismo porque aparece nuns textos moi concretos, traducións de versións castelás, e non aparece como topónimo nin como apelido no territorio galego-portugués.

            Mentres que o topónimo “Insua”, denomina en Galiza cinco parroquias e 19 lugares; co artigo en singular: “A Insua”, unha parroquia e 24 lugares; e co artigo en plural: “As Insuas”, dous lugares. Nin “Isla” nin “Illa” aparecen como nomes de poboación ningunha da nosa terra. Ademais, “insua” tamén é topónimo portugués, aínda que parece que menos abundantemente ca entre nós, así hai unha freguesía do concelho de Penalva do Castelo, distrito de Viseu, con este nome.

            Porén, como a palabra foi desprazada, tanto polo estranxeirismo “ilha” en Portugal coma polo castelanismo “isla” en Galiza, existen algúns casos de tautoponimia, ou toponimia en que se repite o mesmo concepto pola perda de significado dunha das palabras (Ex.: Era val d’Aran = o val de Val), en ambos os países, como: “Ilha Ínsua”, pequena insua na foz do Miño cun forte ocupando case a súa enteira superficie, pertencente ao concelho de Caminha; “Illa Penedo da Insua”, preto de Ribadeo; e “Illa da Insua da Area”, illote na Ría de Viveiro. E mesmo algún caso de vixencia do seu significado como en “A Insua Bela”, pequena illa ao norte da illa de Sálvora.

            Curiosamente “insua” procede do latín culto “insula”, mentres que no latín popular “isula”está a orixe da maior parte das denominacións romances: “isula” en corso, “isola” en italiano, “isla” en castelán, “islla” en asturiano, “illa/ilha” en catalán e occitano, e “île” en francés; soamente o romanés conserva a forma orixinal: “insula”.

            A actual forma estándar galega procede do portugués: “ilha”, á súa vez tomado do catalán/occitano. E é no portugués onde máis derivados xerou este neoloxismo: o verbo “ilhar” (aínda que se prefere o galicismo “isolar” (< isoler) para o mesmo concepto, que á súa vez xerou os derivados: isolação ou isolamento e isolacionismo); os substantivos “ilhota”, “ilhote”, “ilheta” e “ilhéu” (todos sinónimos do concepto “illa pequena” pero con máis uso o primeiro); e os adxectivos e substantivos “ilhéu” (m) e “ilhoa” (f) para indicar: relativo a ilha e natural de uma ilha. Pola contra, o galego só xerou o verbo “illar” (= separar de todo algo do resto), cos seus derivados: illamento, illante, illador, illábel etc., e o substantivo “illote” (= illa pequena). Como adxectivo ou substantivo referente a illa usamos o cultismo “insular”, tamén existente en portugués como adxectivo, pero ademais úsase como verbo co concepto de “transformar en illa”.

            Por último, hai illotes no mar que máis ca pequenas illas son rochas ou unha morea de rochas. Cando é alta e sobresae moito, mesmo na preamar, recibe o nome de: farallón, do italiano “faraglione”, mais en portugués a segunda vogal mudou dando: farelhão ou farilhão; mais se non destaca moito, por veces só cando baixa o mar, e está preto da costa, denomínase: con; e se está á flor da auga ou somerxida a pouca profundidade, sendo moi perigosa para os barcos, chámase: escollo.

sábado, 8 de julio de 2017

GOLFIÑOS ou DELFÍNS

Comeza a ser frecuente atopar en textos a palabra “delfín” para se referir de forma xenérica aos cetáceos de pequeno tamaño da familia dos delfínidos e doutras familias con aspecto parecido que non se observan nas nosas costas.

            A razón deste feito está en que este vocábulo figura no dicionario RAG, xunto co seu sinónimo: golfiño; mais a entrada deste remite ao primeiro como forma preferente. Emporiso, “delfín” é un claro castelanismo que esta a desprazar a forma patrimonial. Constitúe o que se chama un “préstamo de luxo”, dado que entra no galego para denominar un concepto que xa ten unha denominación autóctone; é dicir, chega para substituír a palabra galega. Por veces, teño as miñas dúbidas sobre o labor a prol do galego que fai a RAG.
            O Gran Dicionario Xerais da Lingua recolle ambas as formas como sinónimas, e “golfín” remitindo a “golfiño”.

            No seu traballo sobre a “Nomenclatura de la Flora y Fauna marítimas de Galicia” (vol.II, Verba, Anexo 19. 1983, USC), a profesora Ríos Panisse recolle como denominación de “Delphinus delphis” as palabras: “golfiño” (en 4 localidades), “golfín” (en 4 localidades) e “delfín” (en 3 localidades). Visto que as dúas primeiras formas son variantes da mesma palabra, é evidente que a forma patrimonial aínda era máis usada a finais do s. XX ca a foránea; mais se hoxe se fixer outra enquisa lingüística sobre a fauna marítima seica o resultado sería, ende mal, moi outro. Nótese que naquel mesmo traballo xa se recollía o castelanismo “ballena” como única forma viva de denominar os grandes cetáceos.

            “Golfiño” é a evolución galego-portuguesa do latín “delphinus”> dolphinus > golfiño/golfín, con interferencia da palabra “golfo”, dado a competencia que estas especies teñen cos mariñeiros e os estragos que fan nas redes. O portugués usa “golfinho” como forma estándar, aínda que tamén admite “delfim”, que indica como pouco usado.
É palabra que aparece rexistrada no vocabulario de Juan Manuel pintos Villar (1865), e logo nos principais dicionarios do s. XX: o de L. Carré Alvarellos (1951), o de E. Rodríguez González (1958-61) e o de X.L. Franco Grande (1972), neste último como sinónimo de “arroaz”.
            E “golfín” aparece tamén en Martín Sarmiento, e posteriormente nos dicionarios de E. Rodríguez González e X.L. Franco Grande, remitindo a “arroaz”.

Namentres que “delfín” non é considerada voz galega por Martín Sarmiento (1746-55), que di: “El delfín se llama golfín en el Océano septentrional de España, y en el meridional toniña”. E soamente é recollido polo dicionario de E. Rodríguez González.      
     
            Se “golfiño” é a denominación galega para os delfínidos pequenos de fociño longo, os de fociño breve ou sen fociño reciben o nome xeral de “arroaz”, aínda que a especie máis popular, Tursiops truncatus, reciba os nomes de “boto” (na costa norte) e “bufa” (na costa sur) principalmente.
            O dicionario RAG dá preferencia á palabra “arroaz” para esta denominar esta especie, mais recolle “boto” e “bufa” como sinónimos da mesma, e por extensión como sinónimo de “delfín”. Confusión que xa se recolle en textos e dicionarios anteriores, así en Martín Sarmiento: “En las costas de Galicia llámase el delfín arroaz”; e en E. Rodríguez González: “Arroaz – Cetáceo frecuente en los mares de Galicia, conocido también con los nombres de Golfiño e Golfín, […]” e así mesmo recolle as variantes: arroás e arruaz.
            As formas galegas para a especie tamén foron recollidas pola lexicografía histórica, así Martín Sarmiento define o boto como “menor y distinto que el delfín” e que “boto, o voto, es especie de delfín. A este aplican algunos el latín tursio, onis”; e Aníbal Otero Álvarez (1959) recolle o vocábulo como usado na Pobra do Caramiñal. Mentres que bufa é definida por Martín Sarmiento como “menor y distinto que boto” e aparece nos dicionarios de X.L. Franco Grande e L. Carré Alvarellos.

            Se ben é certo que o cultismo, máis ou menos adaptado, é a denominación dominante nos demais idiomas occidentais: dolphin (inglés), dauphin (francés), delfino (italiano), dofí (catalán), delfin (alemán), dolfijn (neerlandés) etc.; non hai razón ningunha para que este castelanismo, dado que na nosa lingua entra como tal e non como cultismo, substitúa a nosa forma patrimonial.

            Ende ben, os principais libros que tratan sobre os nosos cetáceos obtaron pola denominación autóctone:

            A Guía dos Mamíferos de Galicia (Baía Edicións, 2007) usa “golfiño” como forma xeral e para dúas especies concretas: golfiño común (Delphinus delphis) e golfiño riscado (Stenella coeruleoalba); mentres que usa “arroaz” para tres especies: arroaz real (Tursiops truncatus), arroaz boto (Grampus griseus) e arroaz pinto (Lagenorhynchus acutus).
            Esta guía segue as denominacións propostas pola anterior e clásica monografía: Cetáceos, focas e tartarugas mariñas das costas ibéricas (SGHN e Xunta de Galicia, 1989).

            E a máis recente obra de nomenclatura galega de cetáceos: Os nomes galegos dos cetáceos (A Chave, 2016), dá clara preferencia a “golfiño”, usado como denominación xeral dos delfínidos, sobre “delfín”, só recollido como forma secundaria no xénero Delphinus, e “arroaz”, usado só para as especies do xénero Tursiops. Curiosamente “boto” é utilizado para especies suramericanas dos xéneros Sotalia e Inia e como forma secundaria do “grampo” (Grampus griseus): “arroaz boto”.

domingo, 26 de marzo de 2017

De mazás e maceiras

Se ben a palabra galega para denominar a froita da árbore Malus domestica só presenta actualmente tres posibilidades: mazán, característica do galego occidental (a maior parte da Coruña e Pontevedra, pero tamén en zonas raianas de Ourense); mazá, propia do galego central e oriental (Lugo e Ourense, e leste da Coruña e NE de Pòntevedra), e escollida como forma estándar; e manzá, usada no leste costeiro do galego-asturiano e mais os Ancares de León. En troques, a denominación da árbore ten unha importante variación de formas, que permiten situar ao falante que as emprega en zonas bastante concretas do territorio galegofalante. Mesmo case se lle podería dicir a un galego: “Dime como chamas a árbore que dá mazás e direiche de onde es”.

Non se trata de diferentes nomes para un mesmo concepto, como ocorre noutras ocasións, se non que todas as variantes proveñen da mesma raíz latina: (mala) mattiana > maçãa > maçã (tamén actual forma portuguesa) > mazá/mazán/manzá; sendo o termo da froita a orixe do nome da árbore mediante sufixación.

O Gran Dicionario Xerais da Lingua recolle o estándar “mazá” para a froita e a variante “mazán”, que remite á forma estándar, e o castelanismo “manzana”, como forma incorrecta; e as variantes: macieiro, maciñeira, macira, mazaeira, mazaeiro, mazaieira, mazaieiro, mazaira, mazairo e mazanceira, que remiten todas á forma estándar “maceira”. Así mesmo recolle as variantes: pomareiro, pumar, pumarega, pumareiro e pumariño, que remiten á forma estándar “pomar”, que ademais da acepción de “plantación de maceiras” tamén ten a da árbore froiteira, é dicir, “maceira”, que dá a forma “maceiral”, xunto coa variante “mazairal”, como sinónimo de pomar.
Mentres que o dicionario da RAG só recolle, ademais de “mazán” remitindo á forma estándar “mazá”, as variantes: maciñeira, macira e mazaira remitindo á forma estándar “maceira”. Tamén recolle “pomar” como “terreo plantado de árbores froiteiras, especialmente de maceiras”.

Mais se as formas referidas á froita unicamente nos permiten recoñecer a un falante do occidente (mazán) fronte ao do centro e o oriente (mazá), e ao do galego exterior no límite co astur-leonés (manzá); as referidas á árbore froiteira permiten localizar con moitísima maior precisión a rexión do falante, así:
Maceira – forma maioritaria, que é tamén a forma estándar, propia da maior parte de Pontevedra e da zona central da Coruña.
Maceiro – forma minoritaria rexistrada no oriente do galego-asturiano e na Mariña oriental (L).
Macera – forma minoritaria do norte da comarca do Carballiño (O).
Macieira – forma minoritaria que se rexistra no interior de Bergantiños (C). Curiosamente tamén é a forma estándar portuguesa.
Maciñeira – forma característica do norte da Coruña e NE de Lugo até a Mariña central luguesa e o norte da Terra Cha.
Macira – forma usual no centro de Lugo, incluída a capital.
Manciñeira – forma minoritaria recollida en puntos da Terra Cha e das Mariñas occidental e central (L).
Manzaeiro – forma típica dos Ancares (León).
Manzanairo – forma propia do norte do Berzo, ao sur dos Ancares.
Manzaneira – forma minoritaria do oeste de Bergantiños (C).
Manzaneiro – forma propia do sur do Berzo (León).
Mazaeira – forma propia das Portelas zamorana e de Valdeorras (O), mais tamén se rexistra en puntos de Bergantiños e a comarca de Muros (C).
Mazaeiro – forma característica da Mariña oriental, comarca de Meira e do norte da Fonsagrada (L).
Mazairo – forma típica do leste de Lugo e do Berzo.
Mazagüeiro – forma minoritaria de Ibias (AS).
Mazanceira – forma propia do occidente da Coruña e dos veciños Salnés e comarca de Caldas en Pontevedra e tamén de Paradanta (P) e o contiguo Ribeiro (O), ademais de puntos da raia ourensá.
Mazaira – forma maioritaria da maior parte de Ourense e do sur de Lugo.
Mazaneiro – forma propia do galego-asturiano occidental.
Mazaqueiro – forma minoritaria de Navia de Suarna (L).

Os sufixos en –aira, fronte ao común en -eira, tamén se dan noutra árbore froiteira: abeleira / abelaira, abraira. En ambos os casos se deben á influencia das raíces: mazá e abelá, onde ambas as palabras son oxítonas acabadas en –A. Con todo, queda claro que as formas máis usadas son “maceira” e “mazaira”, seguidas por “mazanceira” e “maciñeira”.

E ademais están as formas de orixe diferente que tamén se refiren á árbore como:
Pomar e Pumar – ambas as formas propias do nordés de Lugo. Prolongándose esta última na denominación máis xeral en asturiano: pumar.

Mais na maioría dos lugares onde sobreviven estas palabras e as súas variantes, serven para denominar unha plantación de árbores froiteiras, especialmente maceiras: pomar, pomarada (galego-asturiano), pomarega, pumar, pumarada (galego-asturiano), pumareda (en Chantada (L)), pumarega (Mariñas de Lugo) ou pumareira (centro de Ourense). Sendo “pomar” e “pumar”, dispersas polo país, as máis usadas.

Non obstante, hai outras denominacións, algunhas moi utilizadas, para o concepto de “colectivo de maceiras”, como os derivados do nome singular da árbore: maceiral e mazairal, pero tamén por veces, nalgúns lugares, mudando a vogal final: mazairo, manciñeiro etc; e, sobre todo, usando unha frase curta de “substantivo + prep. de + substantivo”: souto de mazairos/maciñeiras/mazaeiras, horta de maceiras/mazairas/manciñeiras etc; finca de mazás/mazairas ou leira de mazairas.

Finalmente, tres formas latinas están na orixe das denominacións romances: (mala) mattiana, malum e pomum.
A primeira deu orixe, ademais das formas galegas, aos nomes en: portugués (maçã e macieira), castelán (manzana e manzano; aínda que en Andalucía tamén se usa “pero” para a froita), xudeoespañol (mansana ou poma e mansano), aragonés (manzana (ou dial: mazana e poma (Benasque)) e manzanera), asturiano (mazana e pumar), mirandés (maçana e maçaneira) ou aromanés (muzâ e mearu).
A segunda (lat. malum) deu orixe ás denominacións en: italiano (mela e melo), napolitano (mela e milo ou mir), lígur (mei e ærbo do mei), sardo (mela – para ambos os conceptos), romanés (mar – para ambos os conceptos) ou friulano (miluç e melâr, melarie ou miluçâr).
E a terceira (lat. pomum) deu orixe aos nomes en: xudeoespañol (poma, a través do catalán), catalán (poma e pomera), occitano (poma ou pom e pomièr), francés (pomme e pommier), véneto (pomo e pomaro), esperanto (pomo e pomarbo), interlingua (pomo e arbore del pomo), piemontés (pom – para ambos os conceptos) ou lombardo (pum – para ambos os conceptos).

Curiosamente en galego tamén existe a palabra “poma”, segundo recolle o GDXL, mais co significado actual de “arume, frouma, folla do piñeiro”, cunha variante “pouma”, e de “follato, carocha, folla da mazaroca do millo”. Non obstante, algúns dicionarios antigos si recollen “poma” como sinónimo de “mazá” (Luis Aguirre del Río, 1858; Juan Manuel Pintos Villar, 1865; Leandro Carré Alvarellos, 1933; José Ibáñez Fernández, 1950; e Eladio Rodríguez González, 1958-61).

viernes, 3 de febrero de 2017

A letra Ñ?

O noso abecedario recoñece 23 letras para a escrita moderna da lingua galega, engadindo máis cinco (J, Ç, K, W e Y) para escribir palabras estranxeiras e mais neoloxismos e arcaísmos da nosa lingua. En realidade, o alfabeto latino moderno está constituído por 26 letras, que son as que ten o noso teclado do computador, máis as dúas “letras con diacríticos” engadidas: Ñ (que denominamos: eñe) e Ç (que denominamos: cedilla), no teclado español.

            A miña pregunta é ben simple: É Ñ unha letra? E se non o é, que é? A resposta á primeira pregunta é: non; e á segunda: é un N con signo diacrítico, exactamente un til, que representa o fonema consoante nasal palatal diferente do N sen til, que é nasal alveolar.

Na maioría das demais linguas romances a nasal palatal represéntase mediante un dígrafo: nh (en portugués, mirandés e occitano), nj (en aromanés), ny (en catalán, aragonés e xudeoespañol), gn (en francés e linguas de oil, romanche, italiano e linguas de Italia). Aínda que non todas teñen este fonema, coma o romanés. Soamente o galego, o asturleonés e mais o castelán usan unha soa letra con diacrítico para representaren este fonema, mais este signo pasou a todas aquelas linguas que basean a súa ortografía, de todo ou en parte, no castelán, así o basco e as linguas autóctones da América hispana como o quechua, o mapuche, o aimara, o guaraní, etc.

Non estou a cuestionar o uso do Ñ en galego, senón a súa consideración como letra, xa que convén non esquecer que esta “letra diacrítica” forma parte do galego dende o inicio da súa escrita, como demostra o seu uso maioritario no documento galego máis antigo conservado: o Foro de Castro Caldelas, de 1228, onde aparece en palabras como: viçiño, meyriño, señor, viño, piñor, cuñuçudo, moyño ou diñeyro, aínda que tamén apareza o fonema representado con outras letras no mesmo texto: pignor(a), extraneo/extrayo ou merino.

Entre as linguas non románicas que tamén posúen este fonema nasal son maioría as que usan dígrafos, así: nh (vietnamita), nj (croata, albanés, neerlandés ou frisón), nn (gaélico ou noruegués), ny (húngaro, indonesio ou malaio); porén tamén algunhas usan un N con signo diacrítico: coma o checo e o eslovaco que usan un “n con caron” (acento circunflexo invertido), o polaco un “n con acento agudo” ou o letón un “n con cedilla”.

            Mais a opción de usar unha letra coñecida cun signo diacrítico para representar un fonema diferente é máis usual do que a xente cre e son poucas as linguas que non teñen algún.

            Así a “cedilla”, usada polo portugués, o catalán, o occitano e mais o francés, na actualidade, e polo galego e mais o castelán antano, non é máis ca un C cun pequeno “c inverso” ligado debaixo. O seu nome vén do castelán antigo, onde “zeta” se dicía “ceda” e o seu diminutivo “cedilla” deu nome a este pequeno C a xeito de vírgula para indicar que o C diante de A, O e U se pronunciaba igual ca ante E e I. Con todo, ningún dos idiomas que a utilizan considérana unha letra, polo que nos dicionarios ocupa a súa posición tralo C, mais dentro desta letra; así en catalán: “plaça” está detrás de “placa” e antes de “placenta”; e en portugués: “troça” vai tras “troca” e diante de “trocadilho”.

            Nin o portugués, o catalán ou o francés consideran as súas letras diacríticas como letras diferentes das que proceden, ocupando o seu lugar detrás e dentro das letras orixinais. Tampouco o alemán considera letras as súas formas con diacrítico, que coloca dentro e a continuación das orixinais: Ä, Ö, Ü e ß, aínda que esta última (eszett (ese zeta), S agudo ou S longo) se escriba claramente cunha letra diferente parecida á beta grega, mais de son moi diferente, e por veces, coma en Suíza, escrita co dígrafo SS.

            Mais tamén moitas linguas seguen o mesmo exemplo do castelán e consideran letras diferentes a letras con sinais diacríticos, así o sueco, que incorpora ao final do seu abecedario as vogais como “letras”: Å, Ä e Ö; o danés e mais o noruegués tamén incorporan ao final as “letras vocálicas”: Æ, Ø e Ä; o polaco tamén considera como letras diferentes as súas formas diacríticas, tanto vocálicas coma consonánticas, aínda que sempre van colocadas a seguir das súas letras orixinarias: A con cedilla, C con acento agudo, E con cedilla, L con raia, N con acento agudo, O con acento agudo, S con acento agudo, Z con acento agudo e Z con punto; e o turco, cuxo alfabeto latino inclúe seis letras diacríticas, que sempre suceden ás orixinarias: Cedilla, G con acento breve, I sen punto, Ö, S con cedilla e Ü.

            Entón, por que o noso alfabeto considera letra esta N diacrítica? Pois pola mesma razón que se consideraron letras os dígrafos CH e LL até 2010, cando a Real Academia Española tivo a ben caer do burro e deixar de tratar dúas letras coma se fosen unha soa contra toda lóxica lingüística. A seguir a nosa academiña decidiu seguir o exemplo e deixou de considerar tamén ambos os dígrafos como letras –é o que ten que outros pensen por ti–. Como é evidente que na nosa escrita non existe correspondencia única entre letra e fonema, xa que unha letra pode representar varios fonemas (C dependendo da vogal que lle siga pode ser o fonema interdental ou /k/; X pode ser o fricativo postalveolar xordo, o /ks/ ou o /s/), un fonema pode representarse con varias letras (/b/ con B e V; /k/ con C e QU; o interdental con C e Z; e o N velar con N en final de palabra e o dígrafo NH entre vogais) e unha letra pode non representar ningún fonema (H cando non forma parte dun dígrafo), semella parvo considerar o Ñ letra por representar un único fonema. Alguén consideraría as letras à e Õ usadas no portugués como letras diferentes de A e O ou diría simplemente que son un A e un O con til, pois o mesmo ocorre co noso Ñ, que é un N con til.

            De non usarmos esta “letra diacrítica”, que como dixen antes forma parte da nosa tradición escrita dende os comezos do idioma, sempre poderiamos voltar ás nosas orixes, é dicir ao romance galego medieval, e recuperarmos o dígrafo NN, orixe do Ñ, para representar o fonema consonántico nasal palatal sonoro, evitando a súa confusión coa unión do arquifonema nasal /N/ implosivo con nasal alveolar sonora mediante a representación deste encontro como –MN–, tal como ocorre en: alumno, amnesia, amnistía, columna, himno, insomnio, omnívoro, solemne, ximnasia, etc., polo que “innovar” se escribiría “imnovar” ou “connosco” como “comnosco”, ampliando a regra ortográfica que obriga a escribir M diante de B (pomba, cambio, comba…) e P (tempo, amplo, impo…) a N, polo que os prefixos con-, en- e in- pasarían a com-, em- e im- diante de N (comnatural, emnegrecer, imnecesario, etc.) como ocorre actualmente diante de B e P: combinar, compoñer, embaixo, empequenecer, imberbe, impaciencia, etc.

            Soamente dous estranxeirismos comezarían por NN-: “nnu” e “nnandú”, e unha palabra patrimonial: “nnánnaras”; mais os que pensen que resultaría moi estraña esta grafía nun inicio de palabra lembren que hoxe é preceptivo escribir: “mnemónico” ou “mnemotécnico”, que non son precisamente grafías moi galegas.

miércoles, 4 de enero de 2017

Ontre antre e entre

O título recolle as tres posibilidades que xerou a preposición latina “inter” no galego medieval, facendo un xogo de palabras case homófono entre os tres adverbios coa mesma orixe e igual significado que no galego actual sería imposíbel.

            Se consultamos no Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega o uso que había das tres variantes no período medieval vemos que a forma máis usada xa daquela, ou máis documentada, era “entre”, que ten 1127 rexistros e predomina na prosa fronte á lírica, seguida moi de preto por “ontre”, con 1044 rexistros e destacando tamén no seu uso prosístico fronte ao verso, e a moitísima distancia aparece “antre”, que só se rexistra 32 veces e aparece especialmente na lírica.

            E se consultamos o Dicionario de Dicionarios do Galego Medieval comprobamos como se usaban invariabelmente as tres formas, onde “ontre” tamén ás veces se escribe “untre”, e hai unha explicación de F.R. Tato Plaza no seu “Libro de notas de Álvaro Pérez, notario da terra de Rianxo e Potsmarcos” (Consello da cultura Galega, 1999) realmente esclarecedora: “A evolución para “entre” é a normal, pero para “ontre” é estraña. […]. A forma “ontre” atéstase especialmente en textos galegos dos séc. XIII-XV, e tamén nas Cantigas de Sta. María. Máis usual en portugués arcaico, e ás veces en galego, foi “antre” coñecida desde o XII e usada ata o XVI; tamén aparece hoxe dialectalmente en galego e en portugués.”

            Mais das tres formas soamente chegaron a primeira e a terceira até a nosa época, a segunda, malia a súa aparente fortaleza de uso, desapareceu de vez até o punto de que ningún dicionario moderno a recolle, nin portugués nin galego. E Manuel Ferreiro na súa Gramática Histórica Galega recolle “ontre” como medievalismo e “antre” como arcaísmo e populismo fronte á forma canónica “entre”.

            No galego moderno a forma “antre” foi a preferida polos nosos escritores na súa primeira fase, a máis popular, tal como recolle o libro “A lingua literaria galega no século XIX” (Univ. da Coruña, 2005): “Literariamente a forma preferida polos nosos escritores do século XIX e da primeira parte do XX foi “antre”, talvez polo seu plus diferencialista, para alén de reproducir un fenómeno da fala popular cal é a vacilación do timbre das vogais átonas.”

            En verdade, semella moi difícil ler a nosa máis afamada poeta, Rosalía de Castro, sen atoparmos con esta forma: camiñiños antre o millo, antre o ramaxe de olmos e pinos, que relose antre as areas, do mar antre as ondas feras, por antre o verde ramaxe (CG); só Dios sabe antre que abismos, tamén aborrecido es antr’os meus recordos, por antr’os musgos, regos por antr’as curtiñas, e na lumieira i antr’aberta porta (FN). Non semella moi axeitado cualificar a lingua de Rosalía como diferencialista, e si mellor como reflexo dunha lingua moi popular, definida así por Carballo Calero: “lingua viva, pero non pura, moi influída polo castelán. O seu léxico é vacilante, así como a súa morfoloxía e a súa fonética.”

            Amais esta forma aparece nalgúns títulos literarios como: Pelra… antre seixos (Roxelio Lois Estévez, 1888), Antre dous séculos (Álvarez Limeses, 1934), Antre a terra e o ceo (Rafael Dieste, 1981), etc.

            Porén os dicionarios modernos recollen de maneira diferente esta variación da preposición no galego-portugués. Así nin o dicionario da RAG, nin o Gran Dicionario Século XXI da Lingua Galega –que de grande só ten o tamaño– en galego e tampouco a Infopédia (dicionário de Porto Editora) en portugués recollen máis variante ca a forma estándar. Para atopar a variante “antre” hai que consultar o Dicionário Eletrónico Estraviz, onde aparece “antre” remitindo a “entre”, o portugués Priberam, que recolle “antre” como arcaísmo de “entre”, o Dicionario de Dicionarios, onde aparece “antre” dende vocabularios do séc. XVIII até dicionarios do séc. XX, e sobre todo, o Gran Dicionario Xerais da Lingua Galega, que recolle “antre” remitindo a “entre”, mais tamén toda unha serie de vocábulos derivados da súa existencia: antrabrir/antraberto, antrambos, antremesturar, antremediar, antreperna, antrever…, que sempre remiten ás formas canónicas.

            A variante “ontre”, como dixen antes, desapareceu de vez, tanto da lingua oral coma da escrita, e por iso non se recolle por dicionario ningún. A explicación desta evolución anómala non está clara, pois se ben no galego popular son moitos os exemplos de mudanza de E a O cando hai contacto con consoante labial, sempre se dan en posición átona: formento, forrollo, forruxe, lovar, modoño, moimendro, romatar, romediar, romendar, rovés, somana, somellar, somentar, soparar, tomón, etc.

            Se ben a forma “entre” é a máis habitual nas linguas romances ibéricas, na lingua asturleonesa o mirandés prefire “antre” fronte ao asturiano “ente” e o leonés “entre”. E non esquezamos que o francés “entre” pronúnciase como: “ãtr”.

            Coido que sería lexítimo e axeitado que os dicionarios galegos recollesen as dúas variantes da preposición “entre”: “ontre” como arcaísmo e “antre” como arcaísmo e variante popular, aínda que xa non sei se seguirá viva nalgún lugar, dado que ambas forman parte da nosa historia lingüística e literaria.